Sunday 19 de May de 2024

Laxe acolle este xoves a presentación de REDOGAL, a web para o seguimiento da vida mariña en Galicia


• O acto de presentación terá lugar este xoves no Salón de actos culturais do Concello ás 17:30 horas.

• Trátase dunha iniciativa da Xunta de Galicia en colaboración co Grupo de Estudo do Medio Mariño (GEMM)

• Vai dirixida a todos os Concellos da Costa da Morte e a todas aquelas persoas que desenvolven actividades relacionadas co mar.

O Concello de Laxe acolle este xoves 21 de setembro, ás 17:30 horas, a presentación da web REDOGAL, da Rede de Observadores do Medio Mariño de Galicia, que ten como fin realizar un seguimento e unha vixilancia constante da vida mariña na nosa Comunidade Autónoma.

Trátase dunha iniciativa da Xunta de Galicia en colaboración co Grupo de Estudio do Medio Mariño (GEMM). O acto vai dirixido a todos os Concellos da Costa da Morte e a todas aquelas persoa que desenvolven actividades relacionadas co mar.

O obxectivo principal do proxecto consiste en detectar e avaliar a presencia de especies mariñas que poden ser indicadoras de cambios ou alteracións no sistema mariño. Inclúe tanto a presencia de especies raras como alteracións nas especies xa coñecidas.

O establecemento da Rede de Observadores constitúe unha ferramenta de gran interese científico porque permite saber en tempo real o estado dos ecosistemas galegos contribuíndo á análise dos cambios e as alteracións como a introdución de especies tóxicas, o quecemento das augas a acidificación dos océanos, a contaminación, etc.

REDOGAL conta cunha plataforma dixital composta por unha páxina web e unha app gratuíta para dispositivos móbiles, dispoñible tanto para Android como para IOs.

O alcalde de Laxe, José Luis Pérez Añón, convida “a todas aquelas persoas da nosa contorna relacionadas co mar a que se acheguen ata o Salón de actos culturais do noso Concello para ser partícipes desta iniciativa e coñecer o funcionamento desta nova web de REDOGAL”.